O Consello Europeo adopta o VIII Programa de Acción en materia de Medio Ambiente (PMA), que ten como obxectivo servir de guía para a elaboración e aplicación das políticas ambientais ata 2030. Esta adopción marca a última etapa do proceso iniciado a través do acordo provisional alcanzado co Parlamento Europeo en decembro de 2020.
A finalidade do Programa de Acción en materia de Medio Ambiente é acelerar a transición ecolóxica de maneira xusta en inclusiva no horizonte 2050. Esta finalidade reflíctese nos seis obxectivos prioritarios temáticos desenvolvidos no programa:
- Redución das emisións dos gases de efecto invernadoiro
- Adaptación ao cambio climático
- Adopción dun modelo de crecemento rexenerativo
- Obxectivo cero en materia de contaminación
- Protección e recuperación da biodiversidade
- Redución dos principais efectos climáticos e ambientais asociados á produción e ao consumo.
No acordo realizado entre o Consello Europeo e o Parlamento acordouse o establecemento de varias condicións favorables para a consecución destes obxectivos prioritarios:
- Redución das pegadas materiais e de consumo da UE
- Reforzo dos incentivos positivos para o medio ambiente
- Eliminación progresiva das subvencións prexudiciais para o medio ambiente, especialmente as relacionadas con combustibles fósiles.
O Programa establece unha revisión intermedia sobre os avances logrados en relación á consecución dos obxectivos prioritarios temáticos en 2024. Tras esta revisión a Comisión Europea deberá presentar unha proposta lexislativa para engadir un anexo ao programa, que conteña unha lista e un calendario de accións para o período posterior a 2025.