O Concello de Cedeira saca a contratación a subministración de 921 lámpadas Led na zona rural, avanzando así cara a redución das emisións nun 40% para 2030 como membro do Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía.
O investimento ascende a 65.872,78 euros (IVE incluído) e o prazo de execución dos traballos é de dous meses. As empresas interesadas dispoñen ata o día 31 deste mes para presentar as súas ofertas.
Coa contratación deste novo proxecto o executivo local volve incidir na súa política de apostar polas novas tecnoloxías fronte ás antigas lámpadas de vapor de sodio (VSAP) por ser máis respectuosas co medio ambiente e porque necesitan a metade de potencia para producir o mesmo fluxo luminoso, o que tamén se traduce nun menor gasto eléctrico. Segundo a Federación de Municipios y Provincias, o uso de Led na iluminación pública -que representa entre o 40% e 70% do gasto enerxético dos concellos- reduce practicamente a metade da factura eléctrica.
Todas as bombillas que serán substituídas por LED terán 30 W de potencia e viran a iluminar, entre outros, os lugares de Fragoso, Veciñeira e Aron, na parroquia de San Román de Montoxo; San Miguel, Vilela e Os Loureiros, na de Esteiro, e Ventosa, Camiño do Beco e Virizo, na de Piñeiro. Na parroquia de Régoa, as novas lámpadas localizaranse, entre outras, nas zonas de Barral, A Rúa e Ervellas, mentres que na de Cervo estarán en Vilar, Covo e Trasmonte. Vilacacín e Areosa serán os lugares da parroquia de Cedeira que pasarán a ter Led, unha novidade que tamén se deixará sentir nos das Filguieras, Carracedo e Mundín vinculados a San Xiao de Montoxo.
@GaliciaSostible #Compromiso