A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de resolver a segunda edición do concurso de recollida de pilas Pilabot, un certame no que participaron 150 centros de educación primaria e secundaria de toda Galicia e que se saldou coa recollida de preto de 59 toneladas de pilas, acumuladores e baterías usadas, un 34% máis na primeira edición.
Os centros gañadores do certame, que se enmarca nunha campaña de sensibilización para fomentar a recollida selectiva deste tipo de residuos entre os escolares galegos, son o CEIP As Solanas Gutierrez Campos (A Guarda) e o CRA Amencer (Ribadavia). Estes dous colexios conseguiron as mellores cifras de recuperación nas dúas categorías nas que se dividía o concurso: quilos de pilas, baterías e acumuladores recompilados nos contedores dos propios centros; e cifras de recollida por alumno.
Concretamente, o Centro de Educación Infantil e Primaria As Solanas Gutierrez Campos levouse o primeiro posto en termos absolutos, xa que recolleu un total de 4.065 quilos de pilas e baterías nas súas instalacións; seguido do CEIP da Cruz (Nigrán, que acadou o segundo grazas a recollida de 2.926 Kg.
Na segunda categoría do concurso o Centro Rural Agrupado Amencer de Ribadavia acadou o primeiro premio da categoría quilos de pilas por alumno cun ratio de recollida de case 87 Kg por alumno; polo que este centro educativo volve a erixirse por segundo ano consecutivo con este galardón e incluso mellora a ratio ao superar os 65 quilos por estudante na anterior edición. O segundo centro premiado nesta categoría foi o CEIP de Caión (A Laracha) con 46,41 Kg por alumno.
Os catro centros recibirán un premio económico que deberán destinar á compra de material escolar ou deportivo. Concretamente, os primeiros premios de ambas categorías están dotados con 2.500 euros cada un, mentres que os centros que quedaron en segunda posición levarán como recompensa 1.250 euros.
Campaña ‘Pilabot’
Cómpre lembrar que a campaña Pilabot foi posta en marcha pola Consellería de Medio Ambiente en colaboración cos xestores deste tipo de residuos autorizados en Galicia (Ecopilas, ERP e Ecolec), co obxectivo de fomentar a reciclaxe de pilas entre os escolares galegos e as súas familias.
Cómpre lembrar que este tipo de residuos teñen unha alta carga contaminante. A modo de exemplo, unha soa pila de botón, como a que se emprega nun reloxo, pode contaminar ata 600.000 litros de auga, o que equivale ao consumo de 30 persoas durante toda a súa vida polo que resulta primordial que este tipo de residuo se deposite no colector correspondente para darlle o tratamento axeitado.
Ademais, as pilas atópanse en múltiples dispositivos, como xoguetes, cámaras, lanternas, reloxos... polo que desde a Consellería de Medio Ambiente considérase fundamental fomentar a súa correcta separación non só nos fogares, senón tamén nos traballos, centros de ocio e colexios, un dos mellores lugares para trasladar ás futuras xeracións a importancia de separar ben e depositar estes residuos en contedores específicos.