A Oficina Técnica da Xunta de Galicia para Pacto dos Alcaldes informa que unha coalición de organizacións ambientais, tecnolóxicas e científicas lanzou Earth School (Escola da Terra), unha plataforma que proporciona contido educativo gratuíto e de alta calidade para estudantes, pais e mestres que se atopan actualmente en casa debido á pandemia do COVID-19.
A iniciativa, impulsada polo Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA) e TED-Ed, leva aos estudantes por unha "aventura" de 30 días a través do mundo natural.
O contido inclúe vídeos, materiais de lectura e actividades que se traducirán a 10 idiomas para axudar a nenos e mozos en todo o mundo a comprender o medio ambiente e como poden contribuír á súa protección. A Escola da Terra é unha das maiores iniciativas de aprendizaxe en liña do PNUMA e está dispoñible de forma gratuíta no sitio web de TED-Ed.
Segundo a Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO), máis de 1.500 millóns de estudantes están afectados polo peche de escolas por mor da COVID-19. A pandemia causou unha crise de saúde, económica e educativa, e conlevou a unha serie de limitacións físicas e sociais no medio das cales xorde unha gran necesidade de alfabetización científica.
É por iso que PNUMA e TED-Ed, en coordinación con 30 colaboradores, incluídos National Geographic, WWF e UNESCO, uníronse para crear a Escola da Terra en pouco máis de dúas semanas. O contido, pensado para nenos e mozos de 5 a 18 anos, abarca os 30 días lectivos que transcorren entre o Día da Terra e o Día Mundial do Medio Ambiente, o 5 de xuño, que este ano se celebra baixo o lema A Hora da Natureza.
TED-Ed crea leccións gratuítas en vídeo sobre temas variados, desde animais e cambio climático ata granxas submarinas. TED-Ed é o brazo educativo de TED e a súa biblioteca de miles de leccións interactivas, construída por unha rede de 500.000 educadores en todo o mundo, abarca todas as materias, para todas as idades.
Cada “aventura” da Escola da Terra foi coidadosamente seleccionada por un panel de profesionais expertos. Cada unha consiste nun experimento práctico que axuda a descubrir a natureza. Ademais do contido propio de TED-Ed, a escola presentará vídeos de organizacións de medios recoñecidos como National Geographic, PBS LearningMedia e a BBC co obxectivo de capacitar aos estudantes para que se convertan en coidadores do noso planeta.
As leccións foron creadas por un equipo de expertos en educación ambiental, incluídas Kathleen Usher, Jessie Oliver e Juliane Voss, quen traballou con máis de 100 colaboradores. A iniciativa apoia a meta 7 do ODS 4 e a Década de Acción para o cumprimento da Axenda 2030. Tamén apoiará a Coalición Mundial para a Educación lanzada pola UNESCO o mes pasado co fin de que gobernos, socios tecnolóxicos e líderes no campo da educación contribúan a manter as actividades de aprendizaxe durante a pandemia. Como parte desta coalición, o PNUMA explorará como este contido pode adaptarse e compartirse cos nenos que non poden acceder a Internet.
#Compromiso @GaliciaSostible