Tras a alta demanda rexistrada na primeira convocatoria, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade pon en marcha a segunda edición do curso online ‘Localizando a Axenda 2030: O papel clave dos municipios na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible’. Ata o 18 de marzo permanece aberto o prazo para inscribirse na formación, que se impartirá entre os meses de abril e maio na plataforma virtual da entidade.
O programa, de 50 horas de duración, estrutúrase en catro módulos de dúas semanas cada un titorizados por persoas expertas na materia, como son a profesora e investigadora da UCM Natalia Millán, a técnica da Diputació de Barcelona Carla Cors ou o presidente da Fundación Musol, Rafael García Maties, amais do propio persoal do Fondo Galego. A orixe e contidos da Axenda 2030, a implementación dos ODS no eido local, a cooperación descentralizada ou as estratexias de comunicación e casos prácticos son os temas nos que se centrarán.
Cada módulo contará cun documento explicativo do tema e cunha sesión de videoconferencia, amais dun vídeo-resumo e materiais de apoio, e para superalo será preciso realizar tanto os exercicios prácticos como o test final. Ofértanse un total de 20 prazas e as persoas interesadas poderán inscribirse ata o 18 de marzo completando este formulario. Daráselle preferencia ao persoal das administracións socias do Fondo Galego, xa que o curso ten entre os seus obxectivos facilitar o cumprimento da Axenda 2030 nos concellos e deputacións. A matrícula é de balde, dado que esta actividade conta co financiamento da Xunta de Galicia.
+INFO en https://fondogalego.gal/nova-edicion-do-curso-online-localizando-a-axend...
@GaliciaSostible