A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de licitar por un importe base de 122.382,75 euros, IVE incluído, a reforma da contorna do campo da feira do concello coruñés de Boimorto, adherido a Pacto das Alcaldías dende o 26 de xuño de 2020.
A actuación, enmarcada no chamado Plan Hurbe para apoiar ás entidades locais na execución de actuacións que contribúan a crear, mellorar ou humanizar espazos de uso público, está cofinanciada pola Xunta e polo propio Concello, que asumen o 70% e o 30% do custo, respectivamente, en virtude dun convenio de colaboración asinado este verán.
O obxectivo do contrato é poñer en valor o campo da feira, acometendo a renovación e a mellora da contorna neste punto e tamén da Casa da Cultura, para ordenar a confluencia do tráfico rodado e peonil.
Así, renovaranse as beirarrúas e o pavimento de rodadura para dotalo doutro de formigón coloreado, e crear unha zona de estacionamento de vehículos de 510 metros cadrados. Tamén se realizará unha canalización soterrada da nova rede de recollida de augas pluviais e a renovación de luminarias e da súa instalación eléctrica.
Tamén se acondicionará o parque, situado nas proximidades do antigo Campo da Feira, para embelecer este espazo coa plantación de céspede e a colocación de mobiliario urbano, como bancos e papeleiras. Así mesmo, renovarase o pavimento do parque infantil da Casa da Cultura e instalarase unha nova rede de rego para o mantemento do seu xardín.
Actuacións do Plan Hurbe 2010-2019
Cómpre lembrar que con este tipo de intervencións dáse cumprimento ao reto da Xunta de acadar un urbanismo responsable en toda a comunidade e apostar pola recuperación e o reequilibrio territorial entre as vilas e cidades galegas.
No marco do Plan Hurbe e durante o período 2010-2018, executáronse un total de 200 actuacións en 125 concellos, o que significa que se interveu en case o 40% dos municipios galegos; o ano pasado, asumíronse preto de 90 novos compromisos de colaboración ao abeiro deste mesmo programa para os que se mobilizaron 12,9 millóns e nos orzamentos de 2020 hai reservados 6,5 millóns para actuacións urbanísticas a nivel municipal.