Un total de 15 municipios galegos que suman case 450.000 habitantes participan este ano na iniciativa co obxectivo de aumentar nun 10% as cifras de recuperación de envases de plástico, latas e bricks depositadas no contedor amarelo
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda presentou en Lalín a campaña Únete ao reto, impulsada en colaboración con Ecoembes co fin de fomentar a reciclaxe de envases lixeiros nun total de 15 concellos galegos pola vía da concienciación social e mediante a programación ao longo de tres meses de diversas accións de impacto na rúa.
Trátase da segunda edición desta iniciativa, que ten como obxectivo conseguir e incentivar aos concellos participantes para que melloren polo menos nun 10% a porcentaxe das achegas que fixeron ao contedor amarelo (envases de plástico, latas e bricks) durante o mesmo período do ano anterior. No acto de lanzamento da campaña, a conselleira Ángeles Vázquez explicou que aqueles municipios que o logren, recibirán como recompensa 2.000 euros, cantidade que poderán destinar a unha causa social da súa elección.
A iniciativa comezará a desenvolverse este mesmo mércores e prolongarase ata o vindeiro 11 de xuño nos 15 concellos participantes. Concretamente, Únete ao reto chegará nesta segunda edición aos municipios de Ourense, Ferrol, Arteixo, Carballo, Ribeira, Ponteareas, Lalín, O Porriño, Boiro, Teo, A Estrada, Sanxenxo, Tui, Viveiro e Cambados, que suman en total unha poboación de preto de 450.000 habitantes.
Para cumprir co obxectivo de incrementar nun 10% as súas actuais cifras de recollida de envases, están programadas unha serie de actuacións a pé de rúa coas que se buscará comprometer á cidadanía e animala a implicarse e participar activamente na mellora das taxas de reciclaxe de envases lixeiros nos seus respectivos concellos.
A idea é apostar por accións innovadoras e rechamantes entre as que figuran, como explicou Ángeles Vázquez, a instalación temporal de contedores xigantes en lugares públicos e visibles, a mobilización de patrullas de promotores ou a realización de impresións con auga e pintura de leite no pavimento de graffitis ecolóxicos, unha técnica que permite que a pintura desapareza ao cabo dunhas semanas.
De forma paralela a todas estas actividades, a mensaxe tamén se reforzará cunha campaña de comunicación pensada sobre todo para redes sociais coa intención de chegar ao público máis novo, e co reparto de merchandising.
Trátase dunha iniciativa dinámica que contará con actividades comúns pero que non necesariamente se van desenvolver de forma simultánea nin continuada nos 15 concellos. De feito, os 16 monitores que se encargarán de informar á xente e dinamizar as accións de rúa programadas estarán un mínimo de 20 días e un máximo de 39 en cada un dos municipios nos que se vai centrar a campaña. A misión destes dinamizadores de rúa será informar á cidadanía do reto e da importancia da reciclaxe, así como tamén ao comercio e aos hostaleiros locais.
Ademais, porase en marcha paralelamente e a nivel nacional a campaña Pensa cos pulmóns en medios autonómicos e locais. O obxectivo é concienciar sobre os beneficios que aporta a reciclaxe sobre a calidade do aire e o coidado do medio ambiente, repercutindo por tanto na protección da nosa propia saúde e animando á cidadanía a pensar de maneira sostible
Resultados da campaña anterior
Durante a pasada edición de Únete ao reto, que se levou a cabo no ano 2018, 10 dos 15 concellos galegos participantes cumpriron o seu obxectivo e incrementaron en máis dun 10% as taxas de reciclaxe no contedor amarelo.
Tras o éxito daquela experiencia piloto, a conselleira de Medio Ambiente engadiu que se os 15 concellos participantes nesta nova edición (algúns dos cales como Ribeira, Boiro, Ferrol, Ourense e Viveiro xa se implicaran tamén no primeiro reto) logran superar a barreira do 10% que se fixa como obxectivo mínimo, poderanse recoller uns 140.000 quilos de envases, latas e bricks adicionais ao longo dos tres meses que durará a campaña.
Pacto dos Alcaldes
Os concellos que participan nesta campaña, a maioría adheridos ao Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía baixo a coordinación da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, reducirán as emsións de GEI vinculadas ao ciclo dos residuos avanzando así cara a consecución dos compromisos adquiridos. Resulta preciso sinalar que a Comunidade do Pacto dos Alcaldes en Galicia acada a día de hoxe a cifra de 186 Concellos adheridos.
@GaliciaSostible #Compromiso