Medio Ambiente entrega ao Concello de Moaña unha das dúas primeiras bandeiras verdes que se entregan na Comunidade

luns, 9 Novembro, 2020 - 00:00

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda entregou esta mañá ao Concello de Moaña a Bandeira Verde de Galicia, polo que xunto con Porto do Son, convértese nun dos primeiros concellos galegos en recibir os primeiros distintivos, promovidos pola Xunta de Galicia.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, fixo entrega esta mañá desta bandeira á alcaldesa de Moaña, Leticia Santos Paz, que recoñece o esforzo das administracións locais comprometidos coa protección da paisaxe e do medio ambiente.

Nese sentido, o xurado valorou o traballo de Moaña en catro ámbitos de actuación: a protección da paisaxe, o cambio climático e a eficiencia enerxética, a xestión responsable dos residuos e as accións de sensibilización e comunicación; polo que se ten en conta a aposta deste municipio co desenvolvemento de boas prácticas no coidado da contorna, o respecto pola paisaxe, a redución das emisións de CO2, o fomento dunha correcta xestión do lixo e de medidas para garantir a integridade e limpeza de espazos de interese, como xardíns, praias, espazos etnográficos, etc, así como a posta en valor de monumentos naturais, a educación ambiental ou a redución do consumo enerxético.

A conselleira de Medio Ambiente recordou que unha das vantaxes da concesión deste distintivo é o Concello de Moaña contará cun mérito máis aos efectos da obtención de subvencións en materia de patrimonio natural.

Recordou que Galicia é unha rexión pioneira ao ser a primeira Comunidade Autónoma de España en crear un distintivo con estas características; aclarou que -se ben é certo que existen iniciativas similares- estas están promovidas por entidades privadas. Coa convocatoria realizada este ano, a primeira, a Xunta establece unha política pública coa que dar exemplo para avanzar no obxectivo común de conseguir unha Galicia verde e sostible.

@GaliciaSostible #Compromiso