Medio Ambiente destaca a recollida selectiva dos residuos domésticos como medida para coidar e protexer a contorna

venres, 28 Febreiro, 2020 - 08:15

A directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Cruz Ferreira Costa, salientou esta tarde que fomentar a recollida selectiva dos refugallos domésticos que se producen é unha medida óptima para protexer e coidar a contorna que nos rodea e o medio ambiente.

Cruz Ferreira Costa, que estivo acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, agradeceu aos membros da Federación veciñal Lucus Augusti o reto que acaban de asumir, ao asinar o acordo de colaboración para fomentar a recollida selectiva nas súas instalacións e entre os seus veciños; e que é ao mesmo tempo unha gran aportación para implantar a economía circular en Galicia.

Compre lembrar que o fomento da recollida selectiva permite aumentar a fracción de residuos que se reciclan, reducindo a factura enerxética do lixo e diminuíndo emisións á atmósfera, o que axuda a mitigar o cambio climático. Xunto con medidas de adaptación, forman parte dos compromisos de Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía, proxecto no que a Xunta de Galicia é coordinadora a través da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático. 

Séguenos en @GaliciaSostible