Medio Ambiente convoca por máis de 4 millóns de euros as axudas para actuacións de xestión dos residuos municipais

mércores, 13 Maio, 2020 - 00:00

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publicou hoxe no DOG a ORDE pola que se establecen as bases para a concesión de axudas a entidades locais para financiar actuacións en materia de residuos de competencia municipal e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva. Trátase dunha orde plurianual que rexerá para o período 2020-2021, cun orzamento global de 4,16 millóns de euros que supera en máis de tres veces os fondos da anterior convocatoria, dotada con 1,28 millóns.

Entre as actuacións subvencionables cómpre subliñar, como principal novidade, a adquisición de vehículos para a recollida separa da fracción orgánica dos residuos municipais. Cómpre ter en conta que os chamados biorresiduos, cun peso de máis do 40% sobre o lixo total que se xera nos fogares, teñen que ser recollidos e tratados cunhas condicións específicas debido ao seu importante potencial para a elaboración de fertilizantes naturais, de aí a importancia de dispoñer de vehículos especiais para ocuparse deles.

A nova convocatoria establece dúas liñas de actuación diferenciadas. A primeira está destinada a favorecer a prevención, adecuada recollida, clasificación e preparación para a reutilización de residuos domésticos, entre as que se inclúe a adquisición de puntos limpos móbiles para a mellora e ampliación dos servizos prestados pola rede galega de puntos limpos xa existentes na Comunidade, así como a posta a disposición da cidadanía de espazos de autorreparación e intercambio de obxectos e utensilios diversos (mobles, roupa, pequenos electrodomésticos,...) para conformar unha rede galega de establecementos públicos destinados á preparación para a reutilización, coa finalidade de alongar a vida útil dos materiais e obxectos, previndo a xeración de residuos domésticos.

A segunda liña ten como obxectivo financiar actuacións de prevención, recollida separada e valorización dos biorresiduos, entre os que se inclúen proxectos subvencionables como o fomento da compostaxe in situ e recollida separada da fracción orgánica dos residuos municipais, a partir de contedores, elementos ou medios materias que contribúan a mellorar a cantidade e calidade deste servizo.

En relación coa contía das axudas, a nova orde establece dúas novidades significativas respecto da anterior. Por un lado, increméntanse os importes máximos previstos das subvencións, que mesmo poderán acadar o 100% dos custos totais subvencionables. Aí mesmo, unha mesma entidade local poderá concorrer de xeito simultáneo a varias das actuacións subvencionables, presentando solicitudes individuais.

Outra das novidades da orde publicada hoxe é que dá un maior prazo para a execución das iniciativas subvencionadas, que se estenderá ata o 30 de novembro de 2021, tendo en conta as necesidades temporais que requiren os trámites para a contratación pública de certos servizos ou compras deste tipo. Os interesados teñen un prazo dun mes a contar a partir de mañá para presentar por medios telemáticos a súa solicitude.

Por último, cómpre lembrar que esta convocatoria enmárcase dentro do Plan de xestión de residuos urbanos de Galicia 2010-2022, conforme ao establecido na Estratexia Galega de Economía circular 2020-2030 aprobada pola Xunta a finais do ano pasado.

Complementa, ademais, as actuacións postas en marcha de dotación de contedores específicos para a fracción orgánica ou para a recollida selectiva de envases lixeiros, papel e cartón ou vidro, así como o desenvolvemento de proxectos demostrativos de preparación para a reutilización, implantación da compostaxe doméstica en áreas educativas e nos grandes xeradores de residuos, entre outros.

@GaliciaSostible #Compromiso