O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para este ano as axudas a entidades locais para a elaboración de Plans de acción para o clima e a enerxía sustentable (Paces), unha ferramenta coa que planificar e adoptar medidas que apoien e mitiguen a loita contra o cambio climático desde a perspectiva local.
A contía das axudas varía en función da poboación que teña a entidade solicitante, podendo chegar a cubrir a totalidade do investimento realizado sempre que non supere o máximo de 20.000 euros no caso de concellos con máis de 100.000 habitantes. Para as entidades supramunicipais e as agrupacións de entidades locais que as soliciten, o límite da axuda resultará de sumar o financiamento máximo correspondente a cada concello que as integre.
Esta liña de subvencións, cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), convócase en réxime de concorrencia non competitiva, e está dotada dun orzamento de case 600.000 euros co que se estima que se poderá chegar a sufragar máis dun cento de PACES. A presentación das solicitudes, que se abrirá a partir de mañá e durante o prazo dun mes, realizarase unicamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado dispoñible desde a sede electrónica da Xunta.
Este é o segundo ano que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda establece este tipo de subvencións dirixidas a concellos, entidades supramunicipais e agrupacións de entidades locais que se atopen formalmente adheridos ao Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía -236 nestes momentos- e que, ademais, non teñan presentado o seu Paces.
En total, 187 concellos resultaron beneficiarios da convocatoria do ano pasado, entre os que a Consellería de Medio Ambiente repartiu 956.377,96 euros destinados a axudalos no proceso de elaboración e aprobación dos seus respectivos Paces.
Inventario de emisión e análise de riscos
Un plan de acción para o clima e a enerxía sustentable consiste na elaboración dun inventario de referencia de emisións GEI e na avaliación de riscos e vulnerabilidades ante o cambio climático. Así, a liña de subvencións xestionada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático axudará aos beneficiarios a sufragar os traballos de asistencia técnica para a elaboración dos mesmos.
Deste xeito, os concellos integran á loita contra o cambio climático como unha das variables que deben ter presente na definición das súas políticas, tanto para reducir os gases de efecto invernadoiro e mellorar a eficiencia enerxética, como para adaptarse ás consecuencias derivadas do quecemento global que está a sufrir o planeta.
Cómpre lembrar que a realización destes plans é un dos compromisos adquiridos polos concellos galegos asinantes do Pacto das Alcaldías para o Clima e a Enerxía, onde un dos seus compromisos é que deberán contar cun PACES no prazo de dous anos desde a data da súa adhesión á iniciativa.
Para axudalos a cumprir con este requisito, o importe das subvencións previstas nesta segunda convocatoria oscilará entre un máximo de 3.000 euros para aqueles solicitantes cunha poboación inferior aos 2.000 habitantes e os 20.000 euros establecidos como límite na propia orde para poboacións de máis de 100.000 persoas.
Case 10.000 entidades adheridas
O Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía foi impulsado no ano 2008 ata converterse no maior movemento de carácter internacional para buscar sinerxías entre distintas administracións fronte ao cambio climático, cunha mención especial ao labor dos concellos pola súa relación directa cos cidadáns. De feito, na actualidade conta xa co respaldo dunhas 10.000 entidades locais de todo o mundo.
A Xunta traballa como coordinadora do movemento na comunidade, un papel que asumiu en 2017 coa convicción de que os retos globais do cambio climático deben afrontarse desde as vilas e as cidades de xeito unido e partindo da premisa “pensar global, actuar local”.
De feito, o Pacto das Alcaldías está a ter unha moi boa acollida entre os concellos galegos, sobre todo desde a posta en marcha da Oficina Técnica de coordinación e asesoramento aos municipios, creada en 2018 polo Executivo autonómico e activa desde comezos do ano 2019. Nestes momentos, son xa 236 as entidades locais adheridas.
Neste sentido, a Xunta aposta porque a Oficina Técnica asesore tamén aos concellos en materia de seguimento e consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030 impulsados pola ONU, aproveitando así estes recursos para canalizar a difusión e coordinación de ambos proxectos entre o municipalismo galego.
A proximidade á cidadanía que teñen os concellos convérteos nunha peza clave para avanzar no proceso de transición enerxética que promove Europa. Por iso, coa súa adhesión voluntaria ao movemento asumen unha serie de compromisos, entre os que cómpre subliñar a redución das emisións de CO2 no seu territorio nun 40% ata o ano 2030, a implantación de medidas de adaptación ao cambio climático e o aumento da súa resiliencia fronte ao mesmo, obxectivos para os que resulta clave dotarse do seu propio PACES.