A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, animou aos galegos a participar na campaña solidaria Recicla por elas e acadar un récord de recollida de vidro, para acadar a maior cifra posible para loitar contra o cancro de mama.
Na xornada previa ao Día internacional desta enfermidade, Ángeles Vázquez participou na praza Maior de Ourense na presentación da iniciativa, que chega a un total de 19 concellos nos que hai instalados 28 iglús de cor rosa, polo que dende hoxe -e durante as vindeiras semanas- por cada quilo reciclado Ecovidrio doará un euro para loitar contra esta enfermidade.
Así, anima especialmente aos veciños dos concellos que acollen esta iniciativa a depositar vidro nestes puntos para acadar a mellor recadación desta campaña –que xa leva seis edicións-; ao tempo que se preserva o medio ambiente.
Deste xeito, os municipios da Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Narón, Carballo, Noia, Curtis, Fene, Boiro, Porto do Son, Ribeira, Lugo, Ribadeo, Chantada, Ourense, Barbadás, Vigo, Sanxenxo e Vilagarcía de Arousa acollerán esta iniciativa coa que converter o vidro en donativos para a Fundación Sandra Ibarra.
A conselleira agradeceu o compromiso de Ecovidrio, a entidade sen ánimo de lucro encargada da xestión do reciclado de residuos de envases de vidro en España, que con este tipo de iniciativas poñen en valor o papel da prevención en eido tan distintos a priori como é a saúde e o medio ambiente; pero que resultan fundamentais para vencer a enfermidade, no primeiro dos casos; e para reducir os impactos na contorna natural, no segundo.