Mecanismo Tecnolóxico - Recuperación verde mediante o despregamento de tecnoloxías climáticas

xoves, 25 Xuño, 2020 - 00:00

A Oficina Técnica da Xunta para Pacto das Alcaldías comparte as principais conclusións da UNFCC sobre o evento online organizado polo Mecanismo Tecnolóxico do Acordo de París, sobre as posibilidades das tecnoloxías climáticas na recuperación verde post COVID-19:

"A medida que os países comezan a reabrir as súas economías, os expertos en tecnoloxía subliñaron que para facer realidade unha recuperación máis verde, o período inmediatamente posterior á COVID-19 dos próximos 6 a 9 meses debe centrarse nas políticas climáticas e as tecnoloxías inocuas para o clima que se probaron e están listas para a súa posta en marcha.  

Este foi unnha das mensaxes chave dunha serie de expertos en tecnoloxía reunidos para identificar como as tecnoloxías sobre o clima e o Mecanismo Tecnolóxico do Acordo de París poden axudar aos países para lograr unha recuperación económica verde despois da COVID-19.

O Mecanismo Tecnolóxico consta de dous órganos complementarios: o Comité Executivo de Tecnoloxía (TEC polas súas siglas en inglés), o seu órgano político, e o Centro e Rede de Tecnoloxía do Clima (CTCN polas súas siglas en inglés), o órgano de execución do mecanismo. As súas funcións son complementarias e apoian os esforzos por abordar tanto os aspectos de política como os de aplicación do desenvolvemento e a transferencia de tecnoloxía climática, mesmo nos países en desenvolvemento.

Os representantes do Mecanismo Tecnolóxico, xunto con expertos en tecnoloxía do sector privado, o goberno, os empresarios e unha organización internacional, destacaron que a tecnoloxía limpa ten o potencial de xerar máis empregos que os investimentos nos sectores máis antigos, o que resulta de gran valor para construír a recuperación que o mundo necesita.

O presidente do TEC, Mareer Husny, dixo: "A pesar da crise da COVID-19 e o consecuente aprazamento da COP26, o TEC está en camiño de entregar políticas de tecnoloxía climática ambientalmente racionais para apoiar aos países na aplicación do Acordo de París. Como tal, o TEC ten moito interese en facer unha achega positiva aos esforzos de recuperación económica ecolóxica, especialmente con respecto á transferencia e o despregamento de tecnoloxías climáticas".

Aínda que existe unha multitude de políticas e tecnoloxías comerciais  inocuas para o clima, o fácil acceso ao financiamento segue sendo un dos principais desafíos para a súa aplicación.

Os expertos sinalaron que os gobernos e as organizacións internacionais poden facer fronte a eses retos de diversas maneiras, ademais de facer que as tecnoloxías sexan máis rendibles. Algúns exemplos serían o facilitar a concesión de subvencións e outros fondos para a aplicación de diferentes tecnoloxías non contaminantes, a introdución de lexislación e plans de incentivos que dean prioridade á utilización de novas tecnoloxías climáticas, e a promoción dunha maior eficiencia daquelas tecnoloxías existentes que emiten grandes cantidades de carbono.

Segundo Mary Stewart, directora xeral de Energetics, "as tecnoloxías para lograr as reducións de emisións necesarias para limitar a alerta a 1,5 graos están actualmente dispoñibles a escala comercial. Desde o punto de vista das políticas, o máis sinxelo é permitir a aplicación destas tecnoloxías".

Con todo, o despregamento das tecnoloxías climáticas funciona mellor cando se apoia nunha política clara e sólida, e incorporada ás políticas nacionais como as contribucións determinadas a nivel nacional (coñecidas como NDC polas súas siglas en inglés).

As contribucións determinadas a nivel nacional son o núcleo do Acordo de París e encarnan os esforzos de cada país para reducir as emisións nacionais e adaptarse aos impactos do cambio climático. Cada unha delas reflicte a ambición do país, tendo en conta as súas circunstancias e capacidades internas.

Este ano é crítico con respecto á ambición ante o cambio climático, xa que 2020 é o ano de presentación das súas contribucións, determinadas a nivel nacional, tanto novas como actualizadas. Ditas contribucións preséntanse unha vez cada cinco anos e, por tanto, representan unha oportunidade chave para captar as iniciativas de recuperación verde que van máis a longo prazo, unha vez chegue a etapa de recuperación da COVID-19.

Aínda que as tecnoloxías sobre o clima tenden a ser específicas de cada país, o apoio dos gobernos para o estímulo deberían incluír requisitos para a adopción de medidas máis ambiciosas.

As tecnoloxías climáticas que xeren máis empregos por investimento serán determinantes. Por exemplo, os programas de eficiencia enerxética que impulsan o emprego local e os equipos de orixe local serán unha boa fonte de empregos, e poderían proporcionar unha redución significativa dos custos e as emisións.

Nos lugares onde os fogares están conectados á electricidade, os programas que abordan o uso da enerxía son importantes. Doutra banda, nas áreas sen electrificación beneficiaríanse da implementación de enerxía renovable, xa sexa a pequena ou gran escala, en función das circunstancias. Os países en desenvolvemento dispoñen dunha serie de axudas para aproveitar esta oportunidade.

  • O TEC ofrece recomendacións sobre políticas de tecnoloxía sobre o clima para os países nunha ampla gama de cuestións tecnolóxicas.
  • O CTCN proporciona asistencia técnica aos países segundo sexa a súa solicitude.
  • O Fondo Verde do Clima (GCF) axuda aos países en desenvolvemento a fomentar medidas de recuperación nacionais máis ecolóxicas aos países menos adiantados.

O evento gravado pódese atopar aquí.

@GaliciaSostible #Compromiso