Marín aprobará o seu PACES para seguir fomentando unha economía verde, circular e sostible

mércores, 11 Novembro, 2020 - 00:00

O próximo Pleno da Corporación tratará a aprobación do Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible (PACES) que rexerá as liñas mestras sobre as que actuará o Concello de cara a avanzar na sostibilidade e na mellora do medio ambiente.

Este PACES forma parte das necesidades a levar a cabo dentro do Pacto de Alcaldes e Alcaldesas Polo Clima e a Enerxía, ao que Marín se adheriu no 2019, co que o concello adquiriu compromisos relativos a:

  • Reducir as emisións de CO2 (e gases de efecto invernadoiro) nun 40% como mínimo de cara ao 2030, a través da mellora da eficiencia enerxética e dun maior uso de fontes de enerxía renovables.
  • Aumentar a resiliencia mediante a adaptación ás repercusións do cambio climático.

Coa finalidade de chegar a estes obxectivos, o Concello, ademais de aprobar o PACES, levará a cabo un inventario de emisións de referencia e unha avaliación de riscos e de vulnerabilidades derivados do cambio climático. Asemade, haberá traballos de seguemento e control destas cifras para coñecer a súa evolución no tempo.

A empresa Inovalabs foi a encargada de prestar a asistencia técnica para a elaboración deste plan, por un importe de 12.087,90 euros. Para poder artellar todas as medidas que inclúe o PACES, a empresa realizou inicialmente un inventario de referencia de emisións na nosa vila, unha avaliación de riscos e vulnerabilidades ante o cambio climático específicas de Marín e unha proposta de medidas previstas.

Medidas para avanzar nun Marín aínda máis verde

Nunha sesión de traballo coa Corporación municipal, foi completado o proceso de elaboración do PACES incluíndo a participación a través de enquisas, co obxectivo de identificar as accións máis relevantes para o Concello de Marín en materia climática.

Estas accións centraranse nos seguintes ámbitos de actuación:

  • Aumento da superficie de áreas verdes, coa plantanción de árbores e a creación de novas hortas urbanas.
  • Redución do consumo de auga e medidas dirixidas a controlar a incidencia de grandes chuvias e posibles inundacións futuras.
  • Accións relacionadas coa saúde e a concienciación e sensibilización da poboación.
  • Reforma de edificios e de infraestruturas para mellorar a súa eficiencia ambiental
  • Redución do efecto do selado do terreo e aumento das áreas permeables.
  • Medidas encamiñadas á agricultura e silvicultura e incentivación e ampliación dos modelos de compostaxe e de economía circular.

A elaboración deste PACES contou cunha subvención para a elaboración da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda de 11.000 euros.

Fonte: http://www.concellodemarin.es/marin-aprobara-o-seu-paces-para-seguir-fom...

@GaliciaSostible #Compromiso