Galicia rexistrou un mes de xullo cálido e marcado por unha gran variabilidade desde o punto de vista meteorolóxico

martes, 6 Agosto, 2019 - 17:30

A primeira parte do verán estivo marcada en Galicia por unha gran variabilidade desde o punto de vista meteorolóxico, unha situación que, sen embargo, non impediu que xullo acabase sendo un mes cálido e lixeiramente seco. Estas son as principais conclusións do resumo climatolóxico elaborado por MeteoGalicia, no que se comparan os rexistros de temperatura e chuvia do mes pasado cos valores medios das estacións representativas durante o período climático de referencia 1981-2010.

A principal explicación hai que buscala en que as zonas de aire frío no Atlántico continuaron baixando máis ao sur do habitual durante o mes de xullo. Esta situación impediu que Galicia e o norte da península en xeral quedasen baixo a influencia das altas presións, así como os longos períodos de estabilidade propios desta época do ano. Esta variabilidade meteorolóxica, en todo caso, non se reflectiu nos valores medios das temperaturas, que foron cálidos, nin tampouco na chuvia acumulada, lixeiramente por debaixo do habitual.

Por todo isto, xullo resultou en xeral un mes cálido pero con grandes contrastes entre o litoral e o interior da comunidade. Así, na comarca do Baixo Miño e no Miño ourensán acadáronse as temperaturas medias máis altas, con ata 2 graos por riba dos valores do período climático de referencia, mentres en zonas como A Costa da Morte os termómetros mesmo quedaron por debaixo do habitual. No conxunto da comunidade, a anomalía media das temperaturas situouse 0,69 graos por riba das medias do período 1981-2010.

En canto ás máximas, o valor medio para o conxunto de Galicia situouse en 25 graos, chegando na zona do Miño ourensán, na comarca de Verín e na Ribeira Sacra a superar os 30 graos. No outro extremo, os termómetros apenas alcanzaron os 18 graos de media na Mariña lucense ou en zonas altas da provincia de Ourense, unhas diferencias que reflicten o notable contraste que se viviu neste período nos diferentes puntos da comunidade.

Polo que respecta ás precipitacións, xullo pode considerarse un mes lixeiramente seco no conxunto de Galicia, cun déficit do 26% con respecto do normal, repetíndose unha situación xa bastante habitual nos últimos anos. Así, o precedente máis seco foi o mes de xullo de 2017 aínda que lonxe da carencia de precipitacións que se viviron no mesmo período de 2015 e, sobre todo, de 2016.

En todo caso, cómpre salientar os episodios de chuvias intensas que se viviron na comunidade. Segundo o informe climatolóxico de MeteoGalicia, a distribución das precipitacións acumuladas ao longo de xullo estivo moi marcada por sucesos puntuais durante os que se rexistraron fortes cantidades de chuvia con presenza de pedrazo.

Foi o caso, especialmente, das xornadas do 4, 8 e 13 de xullo, durante as que se viviron fenómenos de orixe tormentosa que nalgúns lugares concretos mesmo acadaron unha intensidade torrencial e, polo tanto, nas que se rexistraron valores moi elevados de precipitacións. Estes episodios localizáronse sobre todo nas provincias de Lugo e Ourense e na comarca pontevedresa do Deza, onde se chegaron a recoller case 70 l/m2. Pola contra, outro extremo deuse nas Terras de Celanova e nalgúns puntos do Baixo Miño, onde apenas se acadaron nas mesmas datas os 7 l/m2.