Galicia estará presente na COP26, a 26ª Conferencia das Nacións Unidas sobre o cambio climático que se está a celebrar en Glasgow (Escocia). A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asistirá ás actividades do vindeiro domingo, 7 de novembro.
Este novo cumio, que deu inicio a pasada fin de semana e se prolongará ata o 12 de novembro, permitirá poñer en contacto a gobernos de todo o mundo e abrir un debate sobre os diferentes proxectos e iniciativas que cada rexión promove para frear o avance da crise que provoca este fenómeno global.
A conselleira de Medio Ambiente manifesta a oportunidade que representa este evento para Galicia, non só para expoñer o traballo que se está a desenvolver nesta parte atlántica de Europa; senón tamén para coñecer os proxectos que se realizan noutras rexións punteiras pola súa acción polo clima, así como a experiencia e visión dos líderes en cuestións tan importantes como a evolución das emisións de CO2. Deste xeito, reforzarase o traballo que realiza Galicia neste ámbito.
Ángeles Vázquez indica que a participación de Galicia neste cumio —que reunirá un gran número de líderes mundiais— servirá para ratificar a súa adhesión á Coalición Under2, un foro que ten por obxectivo acelerar a posta en marcha de políticas contra o cambio climático, para manter a temperatura global e limitar o quecemento global. A Asemblea Xeral do 2021 deste grupo terá lugar, precisamente, na mañá do domingo.
A Comunidade aproveitará, así mesmo, para atopar sinerxías con outras rexións tamén comprometidas de xeito ambicioso en reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro, así como para compartir as estratexias que nesta materia impulsa o Goberno galego.