A Xunta de Galicia vén de publicar no Diario Oficial de Galicia as novas convocatorias de autoconsumo e enerxías renovables destinadas a particulares, autónomos, entidades sen ánimo de lucro e administracións ás que destina 17,2M€ co obxectivo de chegar a 3000 beneficiarios e crear ao redor de 310 empregos. Esta cantidade, sumada aos 19,8M€ da convocatoria xa aberta para empresas fai un total de 37 millóns cos que o Goberno galego prevé mobilizar 98M€, favorecer aforros económicos de 10,1M€ ao ano e reducir as emisións anuais de CO2 en 33.100 toneladas, o equivalente a plantar 1.655.000 árbores.
En concreto, Galicia contará con 11,5M€ para fomentar o autoconsumo eléctrico a partir de enerxías renovables cunha nova convocatoria que terá por destinatarios os particulares, autónomos, entidades sen ánimo de lucro e administracións públicas. De concorrencia non competitiva, a intensidade de axuda varía en función da instalación pero calcúlase que poida permitir aforros nas facturas enerxéticas de 2,6 millóns de euros ao ano e mobilizar 28 millóns. O prazo de adhesión para entidades colaboradoras está aberto desde hoxe, mentres que o prazo de solicitude para os interesados comezará o 13 de decembro.
Por outra parte, activarase unha convocatoria de renovables térmicas dirixida ao sector residencial para apoiar proxectos de aerotermia, xeotermia, biomasa ou solar térmica. Cunha dotación de preto de 5,7M€, a intensidade da axuda tamén é moi variable pero os apoios poden chegar aos 13.500 euros no caso de instalacións xeotérmicas de circuíto pechado. Con estas axudas agárdase mobilizar ao redor de 10M€ e aforros económicos de de 500.000 euros ao ano. O prazo de adhesión para entidades colaboradoras está aberto desde hoxe, mentres que o prazo de solicitude para os interesados comezará o 15 de decembro no caso da xeotermia e hidrotermia, o 16 de decembro para aerotermia, e o 17 de decembro para biomasa e solar térmica.
Ademais, desde o mes de outubro está aberta a convocatoria de autoconsumo e almacenamento enerxético destinada a empresas. Grazas a estes apoios, que contan cun orzamento de 19,8M€, agárdase mobilizar 60M€, conseguir aforros enerxéticos anuais de 65.000 MWh/ano e económicos de 7M€, así como unha redución de emisións de 23.000 toneladas de CO2 ao ano, equivalente á acción de 1.150.000 árbores.
A Xunta segue, pois, comprometida co impulso dunha Galicia máis verde, fomentando o uso de enerxías renovables entre todo tipo de usuarios -fogares, empresas e administracións- co obxectivo de avanzar na transición ecolóxica. Estes apoios contribuirán á redución dos custos enerxéticos dos beneficiarios, nun momento de continua escalada de prezos na factura da luz que teñen que pagar familias e empresas; ademais da creación de emprego, a reactivación económica e a mellora ambiental que repercute na calidade de vida dos cidadáns.