O Consello da Xunta avaliou na reunión as liñas de axuda que xa ten programadas ou en execución para este ano e ás que se poden acoller os fogares e as empresas galegas co obxectivo de promover o aforro enerxético e o uso de renovables para seguir construíndo unha Galicia máis verde.
En total, as medidas aprobadas suman 90M€ aínda que a Administración autonómica agarda poder incorporar ao longo do ano outros 38M€ entre recursos propios e fondos do Estado.
O obxectivo é seguir apoiando o proceso de transición enerxética no que o Goberno galego leva tempo traballando, apostando por novas enerxías máis eficientes, á vez que se trata de paliar os efectos que a suba de prezos enerxéticos e de combustibles, agravado polo conflito en Ucraína, está tendo no tecido empresarial e na economía doméstica.
O Goberno galego aspira a contar cun tecido empresarial máis sustentable, a través do Plan de aforro enerxético en industria e pemes que conta actualmente cun total de cinco liñas.
Por unha banda, apoiaranse proxectos de eficiencia enerxética no sector industrial dirixidos a introducir melloras tecnolóxicas que permitan reducir o consumo enerxético nos procesos industriais.
Un segundo aspecto que se reforzará será a eficiencia enerxética no sector agropecuario, co impulso de melloras tecnolóxicas que reduzan consumos e que permitan rebaixar os custos enerxéticos neste eido.
En terceiro, lugar, a Xunta mantén aberta a convocatoria de proxectos de autoconsumo eléctrico que pretenden favorecer a implantación de enerxías renovables nas empresas dos diferentes sectores produtivos.
En próximas semanas a Administración autonómica activará unha nova liña de axudas, por importe de 6,1M€, destinada á instalación de proxectos renovables para usos térmicos.
Finalmente, a Xunta de Galicia contará cunha nova convocatoria do Bono Enerxía Peme, co obxectivo de destinar 2M€ para a instalación de equipamento eficiente (iluminación, climatización ou domótica, por exemplo) por parte dos sectores vinculados ao comercio, hostalería, salóns de peiteado, actividades artístico-lúdicas e deportivas.