O Programa EmpleaVerde activa dúas convocatorias de axudas co obxectivo de apoiar proxectos de formación e asesoramento en temas ambientais e para a contratación de persoas en desemprego, no marco da economía verde.
No contexto no que estamos a vivir, a Fundación Biodiversidad pon o foco no fomento do emprego e o impulso á recuperación verde que, ademais de ser dous dos obxectivos principais, son ambos compromisos adquiridos no marco do Fondo Social Europeo. Estas dúas convocatorias están dotadas de 5,7 millóns de euros a primeira, centrada no apoio de proxectos de formación e asesoramento en temas ambientais, e a segunda, co obxecto posto na contratación dentro de iniciativas da economía verde de persoas en situación de desemprego, cunha dotación de 5 millóns de euros.
O obxectivo destas dúas iniciativas é fomentar a creación de empregos que contribúan á economía circular ou á xestión dunha mellora ambiental, co obxectivo de afrontar os grandes retos actuais como a crise da COVID-19, a perda da biodiversidade, o cambio climático ou o reto demográfico. Poderán presentarse a estas convocatorias tanto persoas xurídicas privadas (con ou sen ánimo de lucro) afincadas en España ou autónomos empregadores. As axudas por contrato van dende os 1.900 ata os 3.400 euros, e as persoas beneficiarias serán desempregadas a contratar a tempo completo por un período mínimo de 6 meses, con postos de traballo vencellados á economía verde ou azul, pondo especial atención na contratación de mulleres, persoas ata 35 anos, maiores de 45, persoas migrantes, con discapacidade ou residentes en áreas rurais ou protexidas.
A información completa, tanto das convocatorias como do Programa EmpleaVerde, pode consultarse nesta ligazón
@GaliciaSostible