Fernández-Tapias sinala que os resultados avalan a estratexia de acción climática deseñada e impulsada polo Goberno galego

mércores, 3 Febreiro, 2021 - 00:00

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, reuniuse hoxe por videoconferencia con representantes da Asociación Profesional de Empresas Medioambientais cos que puido abordar o proxecto Aproema Conecta, deseñado co obxectivo de orientar á sociedade galega cara unha economía circular e sostible, así como outros nos que está a traballar esta organización con posibilidade de establecer vías de colaboración coa Administración autonómica.

Unha iniciativa que vai na liña das medidas impulsadas desde o Executivo galego para loitar contra o cambio climático e que agora reportan resultados positivos para a Comunidade. Neste eido, Fernández-Tapias referiuse a aprobación da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050, que leva aparellado o Plan rexional integrado de enerxía e clima 2019-2023, no que se definen 170 medidas en 4 ámbitos de actuación (mitigación, adaptación, investigación e sensibilización) e que supoñen un investimento de 1.250 millóns de euros.

Asemade, recordou a aprobación da Estratexia de Economía Circular 2030, que marca o camiño para avanzar da economía lineal a unha circular; un traballo que se pecha coa aprobación da Lei de residuos e solos contaminados, adiantando ao Goberno do Estado que polo momento só dispón dun texto articulado que non obtivo o visto e prace do Consello de Ministros.

Xa por último, salientou que os indicadores da Axenda 2030, a pegada ecolóxica de Galicia ou a redución de gases efecto invernadoiro respaldan o éxito da política autonómica nesta materia, con medidas que son unha clara aposta pola acción climática.