O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a aposta do Goberno galego por unha mobilidade máis segura e sustentable, coa posta en marcha nos últimos cinco anos de 170 quilómetros de sendas integradas nas marxes das estradas.
Durante un percorrido pola nova senda peonil da PO-308, de máis de 8 quilómetros entre Portonovo e A Lanzada, Feijóo referiuse a esta actuación como un exemplo máis dese compromiso, coa posta en valor dunha paraxe singular, ademais de garantir a máxima seguridade viaria no conxunto do traxecto, afastando aos peóns e aos ciclistas da estrada.
“Estamos a falar dunha obra que posibilita un tráfico viario seguro, formando parte da aposta pola mobilidade sostible e segura”, abundou, precisando que, ademais desta senda estase a levar a cabo unha actuación integral da PO-308 que, cun investimento total de 17 millóns de euros, permitirá completar un itinerario peonil continuo desde Pontevedra ata A Lanzada pola marxe desta estrada, así como a eliminación dos treitos de concentración de accidentes.
Coas obras xa rematadas no termo municipal de Sanxenxo, Feijóo confirmou os avances nas actuacións previstas á altura do concello de Poio. Así, anunciou que a vindeira semana, comezarán os trámites para investir preto de 1,6 millóns de euros na construción dun novo treito de senda entre Combarro e Fontenla, onde ademais se reforzará a seguridade viaria.
Estes itinerarios peonís e ciclistas son actuacións cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.