Covelo (Pontevedra), 19 de setembro de 2019.- O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou hoxe o concello de Covelo para, en compaña do alcalde da localidade, Pablo Castillo, comprobar o avance dos traballos de mellora da PO-255 ao seu paso por este municipio.O delegado territorial destacou que esta estrada, que atravesa os concellos de Ponte Caldelas, A Lama, Fornelos e Covelo, verase mellorada, no caso do concello que visitou hoxe Cores Tourís, no tramo que vai do punto quilométrico 19+980 ao 23+250, entre Ponte da Cereixa e Barcias. Neste punto estenderase unha nova capa de rodaxe e colocaranse varios treitos de barreiras de seguridade. No resto do trazado levaranse a cabo reparacións puntuais ao longo dos próximos tres meses.O orzamento roldará os 400.000 euros, “o que permitirá mellorar este tramo e dar unha maior calidade de vida e seguridade viaria a veciños e usuarios desta estrada”.Cores Tourís destacou que a Xunta continúa no camiño da mellora de infraestruturas iniciadas fai anos e recordou que o Goberno galego está a apoiar aos concellos para reforzar a seguridade viaria, incrementar a comodidade nos desprazamentos dos seus veciños e mellorar a calidade de vida da cidadanía.Subliñou a aposta do Goberno galego polo interior de Galicia, polo reequilibrio territorial e polo desenvolvemento económico e social do conxunto do territorio, ofrecendo máis e mellores servizos aos veciños.