A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, e o xerente de Ecovidrio en Galicia e Asturias, Germán Fernández, achegáronse onte en Santiago ata un dos 15 puntos de recollida de envases instalados en Galicia para contribuír á loita contra o cancro de mama.
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda anima a todos os galegos a participar un ano máis na campaña solidaria Recicla vidro por elas, unha iniciativa promovida por Ecovidrio en todo o país con motivo do Día Mundial do Cancro de Mama e que ten como obxectivo recadar fondos para a loita contra esta enfermidade, que afecta cada ano a miles de persoas.
Precisamente a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, achegouse ata a Praza Roxa de Santiago para visitar, xunto ao xerente de Ecovidrio para Galicia e Asturias, Germán Fernández, un dos puntos de recollida instalados en Galicia desde a semana pasada no marco dunha campaña que, como subliñou, combina a sensibilización social sobre a reciclaxe cunha acción con fins solidarios.
En total 15 concellos galegos participan activamente na iniciativa, que este ano celebra a súa quinta edición. En concreto, os veciños de Boiro, Ferrol, Curtis, Fene, Santiago, Porto do Son, Noia, Ribeira, A Coruña, Carballo, Lugo, Celanova, Vigo, Vilagarcía de Arousa e Sanxenxo xa poden depositar os seus envases nalgún dos 30 característicos iglús de cor rosa -en consonancia coa imaxe do Día Mundial do Cancro de Mama- vinilados para a ocasión co lema: Reciclar vidro e previr o cancro de mama. Dous hábitos moi saudables.
Cómpre lembrar que todos os envases de vidro que se reciclen no marco desta iniciativa, traduciranse nunha doazón económica por parte de Ecovidrio á Fundación Sandra Ibarra que leva 12 anos sumando esforzos na loita contra o cancro, contribuíndo co seu labor á prevención e á investigación relacionadas con esta enfermidade.
Ademais, ao igual que en edicións anteriores Agatha Ruiz de la Prada tamén colabora na iniciativa, deseñando un miniglú conmemorativo como símbolo da concienciación e da solidariedade co cancro de mama. Estes miniglús están dispoñibles para a súa venda online e toda a recadación que se consiga será doada á Fundación Sandra Ibarra.
@GaliciaSostible #Compromiso