A Comisión propón a próxima xeración de recursos propios da UE

xoves, 23 Decembro, 2021 - 00:00

A Comisión Europea propuxo hoxe introducir a próxima xeración de recursos propios para o orzamento da UE coa proposta de tres novas fontes de ingresos. Prevese que estas novas fontes de ingresos xeren, cando alcancen a súa velocidade de cruceiro entre os anos 2026 e 2030, unha media de ata 17.000 millóns de euros anuais para o orzamento da UE.

Os novos recursos propios propostos hoxe contribuirán a reembolsar os fondos recadados pola UE para financiar o compoñente de subvención de NextGenerationEU e tamén financiarán o Fondo Social para o Clima. O comisario responsable de Orzamento e Administración declarou que con estas novas medidas sentanse as bases para o reembolso dos fondos  NextGenetarionEU e proporciónase un apoio esencial ao paquete de medidas Obxectivo 55, mediante a posta en marcha do financiamento do Fondo Social para o Clima. 

O Fondo Social para o Clima garantirá unha transición socialmente xusta e apoiará aos fogares vulnerables, aos usuarios do transporte e ás microempresas para que financien investimentos en eficiencia enerxética, novos sistemas de calefacción e refrixeración e unha mobilidade máis limpa, así como, cando cumpra, axudas directas temporais á renda. A dotación financeira total do Fondo corresponde, en principio, a un importe equivalente a ao redor do 25 % dos ingresos previstos do novo réxime de comercio de dereitos de emisión para os edificios e o transporte por estrada.

O paquete de medidas «Obxectivo 55», adoptado en xullo de 2021, ten por obxecto reducir as emisións netas de gases de efecto invernadoiro na UE polo menos un 55 % de aquí a 2030, en comparación cos niveis de 1990, para seguir avanzando cara á neutralidade climática de aquí a 2050. Este paquete inclúe unha revisión do réxime de comercio de dereitos de emisión da UE. 

Unha das fontes de recursos propostas consiste na instauración dun mecanismo de axuste en fronteira por carbono, proposto tamén pola Comisión en xullo de 2021, e reducir o risco de fuga de carbono xa que anima aos produtores de países non pertencentes á UE a facer que os seus procesos de produción sexan máis ecolóxicos. Fixarase un prezo do carbono presente nas importacións, correspondente ao que se pagaría se as mercadorías fosen producidas na UE. Este mecanismo aplicarase a uns sectores específicos seleccionados e é plenamente conforme coas normas da OMC.

Máis información:  https:// ec. europa.eu/ commission/ presscorner/ detail/é/IP_21_7025