Celebrouse esta semana en Bruxelas o Foro de investimento de Pacto dos Alcaldes – Mercado de financiación da eficiencia enerxética

xoves, 20 Febreiro, 2020 - 21:30

Dende a Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda estase impulsando a participación de todos os concellos galegos nos diferentes eventos dun dos proxectos máis relevantes e internacionais da Unión Europea, O Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía organizados pola Comisión Europea.

Nesta ocasión o Concello de Abegondo, representado polo seu Alcalde, José Antonio Santiso e polo secretario municipal, Adrián Márquez, acudiu ao Foro de investimento de Pacto dos Alcaldes – Mercado de financiación da eficiencia enerxética en Bruxelas. Este foro celebrouse o 18 e 19 de febreiro 2020 organizado pola Dirección Xeral de Enerxía da Comisión Europea, a Dirección Xeral de Acción Climática e a Axencia Executiva para as Pequenas e Medianas Empresas (EASME) xunto coa Oficina Europea de Pacto dos Alcaldes, da que Galicia é estrutura de soporte a través da Xunta de Galicia, baixo o lema de #invest4cities.

No Foro de investimento - Energy Efficiency Finance Market Place exhibíronse proxectos de éxito sobre financiación de actuacións para a adaptación climática, eficiencia enerxética, mobilidade limpa e planificación enerxética innovadora. Ademais, incluíronse diferentes iniciativas europeas orientadas a facilitar a financiación enerxética sostible. Os asistentes ao foro compartiron boas prácticas e solucións de éxito.

En liña coa temática desta xornada, lembramos unha vez máis que a Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, pon a disposición de todos os concellos galegos o Observatorio de Fondos e Convocatorias da Oficina Técnica de Pacto dos Alcaldes.

Traballamos para facer Galicia máis verde, informando así mesmo a todos os concellos adheridos ao proxecto Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía sobre as axudas e subvencións  para melloras da eficiencia enerxética ou fortalecer a súa capacidade de mitigación e adaptación ante ao Cambio Climático, que veñen convocadas por diferentes organismos públicos, para lograr un mellor grado de sustentabilidade e resiliencia.

Séguenos en @GaliciaSostible