Boas prácticas Pacto das Alcaldías: o caso de Lahti (Finlandia)

mércores, 9 Setembro, 2020 - 00:00

Para acelerar a redución das emisións de carbono, a cidade finlandesa de Lahti ofrece aos cidadáns billetes de transporte gratuítos e comida como recompensa por ser "cidadáns ecolóxicos". E para iso, os cidadáns fan uso dunha aplicación específica.

A iniciativa "CitiCap", financiada pola Unión Europea, convida aos habitantes a rastrexar as súas emisións de carbono cando se desprazan ou viaxan, a través dunha aplicación que detecta se están a usar un automóbil ou transporte público, camiñando ou en bicicleta. Cada semana, os cidadáns voluntarios obteñen unha "cota de carbono" que, se non se utiliza no prazo establecido, convértese en "euros virtuais" que poden utilizar para acceder á piscina, os billetes de autobús ou un pedazo de pastel en un dos cafés da cidade.

"Lahti aínda depende moito dos automóbiles, o noso obxectivo é que, para 2030, o 50% de todas as viaxes se realicen a través de medios de mobilidade sostible", dixo á AFP a directora do proxecto Anna  Huttunen. Actualmente, o 44% das viaxes na cidade considéranse "sostibles".

Lahti finlande Citicap Lahticity

O obxectivo a longo prazo da iniciativa é desenvolver un novo método que impulse comportamentos ecolóxicos, facendo uso dun sistema de comercio individual de dereitos de emisión de carbono que outras cidades poidan  replicar, explican os fundadores. Se superan a cota, pagan, pero se emiten menos da cantidade fixada, poden vender o excedente.

De media, un cidadán de Lahti "emite 21 quilogramos de CO2 equivalente á semana", segundo o director de investigación Ville Uusitalo. A aplicación expón o reto de reducir as emisións en 1/4, o que corresponde a substituír unha viaxe en coche de 20km polo equivalente en transporte público ou en bicicleta. "Podes gañar ata dous euros (á semana) se as túas emisións relacionadas co transporte son realmente baixas. Pero este outono, temos a intención de multiplicar este prezo por dez", explica Ville.

Fonte: https://www.eumayors.eu/news-and-events/news/1820-lahti,-finland-citizen...

@GaliciaSostible #Compromiso