Axudas a proxectos de produción de enerxía térmica e xeración eléctrica con fontes renovables

xoves, 6 Agosto, 2020 - 00:00

A Oficina Técnica da Xunta para o Pacto das Alcaldías informa da publicación das bases reguladoras das axudas ao investimento en instalacións de produción e xeración de enerxía térmica con fontes de enerxía renovable, publicadas no BOE o 5 de agosto.

O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) destinará, ao longo dos próximos meses 316 millóns de euros a axudas para apoiar proxectos innovadores que favorezan a integración de enerxías renovables nos sistemas de xeración de enerxía eléctrica ou térmica. En concreto, o Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou este mércores 5 de agosto, dúas bases reguladoras para a concesión de 246 millóns de euros en axudas a proxectos renovables a través de convocatorias en réxime de concorrencia competitiva. 

Proxectos de enerxía térmica e de xeración eléctrica

A liña de acción publicada, que será coordinada polo Instituto para o Aforro e a Diversificación da Enerxía (IDAE), outorgarase en réxime de concorrencia competitiva a través de convocatorias cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e que poderán ser reforzadas con fondos adicionais ligados á recuperación económica.

Establécense dúas tipoloxías de axudas:

  • Proxectos de produción de enerxía térmica con fontes renovables, incluíndo instalacións de produción de gases renovables, como, por exemplo, bombas de calor ou sistemas de enerxía solar de concentración para achegar calor a procesos industriais, reducindo emisións e mellorando a competitividade dos sectores.
  • Proxectos de xeración eléctrica con fontes renovables, como poden ser proxectos eólicos ou fotovoltaicos con almacenamento ou para autoconsumo.

A partir destas dúas bases reguladoras, poderanse realizar diversas convocatorias en función do territorio e tipoloxía de tecnoloxía. Poderán presentarse ás convocatorias persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, que vaian realizar un proxecto acorde con estas especificacións. Tamén poderán solicitar subvencións comunidades de bens, comunidades de propietarios, agrupacións de comunidades de propietarios e outras agrupacións que poidan levar a cabo a actuación da axuda.

O importe da axuda, que non poderá exceder de 50 millóns, determinarase en cada unha das convocatorias e de acordo a criterios como a potencia instalada asociada ao proxecto.

Para obter unha das subvencións, que serán a fondo perdido, as bases reguladoras fixan uns criterios básicos para a selección dos proxectos, que serán posteriormente detallados en cada unha das convocatorias que se realicen. Con carácter xeral, poderase ter en conta o criterio económico e a viabilidade administrativa do proxecto.

O orzamento inicialmente dispoñible para cada territorio dependerá dos remanentes na programación FEDER 2014-2020 para o Obxectivo Temático 4 (Economía Baixa en Carbono).

Ponderación de criterios de transición xusta

Co obxecto de atraer o maior número de proxectos posibles aos territorios afectados directamente polo cambio de modelo enerxético e, en concreto, por peches de minas ou centrais térmicas non renovables, as dúas ordes ministeriais habilitan a posibilidade de que a Transición Xusta sexa un dos criterios que determinen a concesión da axuda. En concreto, establécese como posible criterio de ponderación a localización do proxecto nunha zona onde estean activos procesos de Transición Xusta.

Así mesmo, a Comisión de Avaliación poderá ter en conta, si así se establece na convocatoria, outras  externalidades asociadas ao proxecto. Entre elas, que iniciativas actúen contra a pobreza enerxética; favorezan a cohesión económica e social do territorio mediante a xeración de emprego, o desenvolvemento rural ou a loita contra o despoboamento; ou activen o desenvolvemento industrial e empresarial en sectores produtivos ou áreas xeográficas determinadas para dar resposta a retos concretos que se expoñen nas distintas rexións de España establecidas segundo o coñecemento dos técnicos das axencias e direccións xerais de enerxía de cada Comunidade Autónoma.

Tamén se poderá avaliar o carácter innovador do proxecto, o tipo de uso final que se dea á enerxía que xere o proxecto, a integración de distintas fontes de enerxía renovable mediante hibridación ou a agrupación de distintos consumidores para optimizar a xestión de demanda. Tamén se poderá valorar positivamente que as propostas apoien as comunidades de enerxías renovables, mecanismos de participación cidadá, comunidades enerxéticas locais e Empresas de Servizos Enerxéticos.

As bases reguladoras permiten realizar convocatorias con cargo ao programa ata o 31 de decembro de 2021, salvo que se dispuxo de toda a partida orzamentaria que, doutra banda, poderá ser ampliada con fondos comunitarios destinados á recuperación económica da UE.

Enlace: Orden TED/765/2020, de 3 de agosto, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas ao investimento en instalacións de produción de enerxía térmica con fontes de enerxía renovable, susceptibles de ser cofinanciadas con fondos da Unión Europea.

Enlace: Orden TED/766/2020, de 3 de agosto, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas ao investimento en instalacións de xeración de enerxía eléctrica con fontes de enerxía renovable, susceptibles de ser cofinanciadas con fondos da Unión Europea.

@GaliciaSostible #Compromiso