Ángeles Vázquez chama a fomentar a colaboración público-privada en iniciativas medioambientais que potencien a Galicia Verde

luns, 23 Novembro, 2020 - 00:00

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, fixo hoxe un chamamento á colaboración entre as Administracións públicas e o sector privado naquelas iniciativas que teñan como obxectivo común preservar unha Galicia verde e ambientalmente máis rica. Así o proclamou esta mañá durante a apertura por videoconferencia da asemblea fundacional do Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular (Viratec).

A nova entidade, que coa reunión de hoxe comeza de forma oficial a súa andaina, ten como obxectivo aglutinar por primeira vez e baixo un mesmo paraugas a todos os actores que interveñen na comunidade, directa ou indirectamente, no sector das solucións ambientais. A día de hoxe están adheridas ao clúster medio cento de empresas galegas, que representan máis de 2.000 millóns en cifra de negocio e orzamentos.

Por este motivo, a conselleira lembrou que o seu departamento e a entidade asociativa que acaba de nacer comparten o obxectivo de o un equilibrio entre o desenvolvemento económico de Galicia e a súa protección medioambiental. Así, lembrou a importancia dos últimos pasos dados pola Xunta neste sentido, coa aprobación o ano pasado da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 e a Estratexia Galega de Economía Circular 2020-2030, dúas ferramentas de planificación clave para deseñar as políticas a medio prazo da Xunta e que terán unha incidencia clave tamén para o sector das solucións ambientais.