A consulta pública que puxo en marcha a Comisión Europea sobre a avaliación da Directiva relativa aos compromisos nacionais de redución de emisións (CNE) estará aberta ata o 26 de novembro
A Comisión Europea convida á cidadanía e ás partes interesadas a participar nunha consulta pública para compartir as súas opinións sobre a Directiva relacionada cos compromisos nacionais de redución de emisións.
Así, a Directiva NEC establece obxectivos nacionais para a redución de emisións de cinco contaminantes atmosféricos clave: partículas finas (PM 2,5), óxidos de nitróxeno (NOx), compostos orgánicos volátiles non metánicos (COVNM), amoníaco (NH3) e dióxido de xofre (SO2). Estes compromisos cobren o período 2020-2029, con metas de redución máis estritas a partir de 2030 e en diante.
A avaliación desta Directiva ten como obxectivo determinar se está a lograr as súas metas, que inclúen a protección da saúde pública e do medio ambiente mediante a redución das emisións dos cinco contaminantes mecionados.
Outro dos obxectivos fundamentais será avaliar a pertinencia da Directiva en vista da evolución das circunstancias, en particular o progreso científico e técnico e a aplicación doutras políticas da Unión Europea en materia de clima e enerxía.
Finalmente, a avaliación tamén inclúe unha consulta específica ás partes interesadas que recolle as opinións dun público experto sobre cuestións específicas e un taller dun día de duración tamén para as partes interesadas, que está previsto que se leve a cabo o 14 de outubro de 2024 en Bruxelas e con opción a participar tamén en liña.
É preciso acceder a esta ligazón para participar na consulta pública e compartir as súas opinións sobre a Directiva.