Medio Ambiente axita a conciencia social dos galegos coa campaña 'Únete ao reto' para premiar aos concellos que incrementen as súas taxas de reciclaxe

xoves, 11 Febreiro, 2021 - 00:00

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda presentou na Estrada a campaña Únete ao reto, impulsada en colaboración con Ecoembes co fin de fomentar a reciclaxe de envases lixeiros nun total de 15 concellos galegos pola vía da concienciación social e mediante a programación ao longo de tres meses de diversas accións de impacto na rúa.

Trátase da segunda edición desta iniciativa, que quedou en suspenso por mor da declaración do estado de alarma pola crise da Covid-19 e o confinamento domiciliario, e que ten como obxectivo conseguir e incentivar aos concellos participantes para que melloren polo menos nun 10% a porcentaxe das achegas que fixeron ao contedor amarelo (envases de plástico, latas e bricks) durante o mesmo período do ano anterior. No acto de relanzamento da segunda edición da campaña, a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez Castellanos, explicou que aqueles municipios que o logren, recibirán como recompensa 2.000 euros, cantidade que poderán destinar a unha causa social da súa elección, polo que é importante axitar a conciencia social dos galegos para acadar un beneficio cunha dobre vertente.

A iniciativa comezou este mesmos mes e prolongarase ata o vindeiro 30 de abril nun total de 15 concellos participantes. Concretamente, Únete ao reto chegará nesta segunda edición aos municipios de Ourense, Ferrol, Arteixo, Carballo, Ribeira, Ponteareas, Lalín, O Porriño, Boiro, Teo, A Estrada, Sanxenxo, Tui, Viveiro e Cambados, que suman en total unha poboación de preto de 450.000 habitantes.

Para cumprir co obxectivo de incrementar nun 10% as súas actuais cifras de recollida de envases, están programadas unha serie de actuacións a pé de rúa coas que se buscará comprometer á cidadanía e animala a implicarse e participar activamente na mellora das taxas de reciclaxe de envases lixeiros nos seus respectivos concellos.

A idea é apostar por accións innovadoras e rechamantes entre as que figuran: a instalación temporal de contedores xigantes en lugares públicos e visibles, a mobilización de patrullas de promotores ou a realización de impresións con auga e pintura de leite no pavimento de graffitis ecolóxicos, unha técnica que permite que a pintura desapareza ao cabo dunhas semanas.

De forma paralela a todas estas actividades, a mensaxe tamén se reforzará cunha campaña de comunicación pensada sobre todo para redes sociais coa intención de chegar ao público máis novo, e co reparto de merchandising.

Resultados da campaña anterior

Durante a pasada edición de Únete ao reto, que se levou a cabo no ano 2018, 10 dos 15 concellos galegos participantes cumpriron o seu obxectivo e incrementaron en máis dun 10% as taxas de reciclaxe no contedor amarelo.

Tras o éxito daquela experiencia piloto, a conselleira de Medio Ambiente engadiu que se os 15 concellos participantes nesta nova edición (algúns dos cales como Ribeira, Boiro, Ferrol, Ourense e Viveiro xa se implicaran tamén no primeiro reto) logran superar a barreira do 10% que se fixa como obxectivo mínimo, poderanse recoller uns 140.000 quilos de envases, latas e bricks adicionais ao longo dos tres meses que durará a campaña.

Para rematar a directora xeral destacou que este tipo de iniciativas son pequenos esforzos cos que se acadan grandes retos e puxo como exemplo os rexistros de 2019, período no que se reciclaron máis de 1,5 millóns de toneladas de envases de plástico, latas e briks e envases de cartón en todo o territorio nacional. Grazas a esta porcentaxe, obtivéronse numerosos beneficios ambientais, como evitar a emisión de 1,67 millóns de toneladas de CO2 á atmosfera ou aforrar 6,36 millóns de MWh. Asemade, aforráronse 20,74 millóns de metros cúbicos de auga.

@GaliciaSostible