A Oficina Técnica de Pacto dos Alcaldes continúa coa súa axenda de visitas técnicas aos concellos adheridos

mércores, 5 Febreiro, 2020 - 10:00

A día de hoxe súmanse 176 concellos adheridos ao Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía. Xa son 1.603.807 as persoas que habitan en concellos que están a elaborar un Plan de acción contra o Cambio Climático.

A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia é a coordinadora do Pacto na Comunidade Autónoma, e consciente de que o Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía é o mellor instrumento para implicar aos concellos de Galicia na loita contra o cambio climático, decidiu crear a Oficina Técnica de Pacto dos Alcaldes.

A Oficina ten por obxecto ofrecer servizos de asesoramento aos Concellos galegos que se adhiren á iniciativa. Entre outros, realiza reunións presenciais co persoal técnico e político municipal orientadas ao asesoramento na elaboración do seu Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible (PACES). Na actualidade visitáronse 182 concellos galegos dende a súa posta en funcionamento en xaneiro de 2019.

A pasada semana Ordes, Oia, Salvaterra de Miño, Teo e Cuntis foron visitados polo equipo da Oficina técnica de Pacto dos Alcaldes. Todos os representantes dos concellos asistentes comprometéronse a traballar de inmediato na elaboración do PACES, que sustenta o cumprimento dos compromisos da adhesión ao Pacto. Os municipios adheridos teñen ata dous anos para elaborar o seu PACES, que está articulado en xeral, sobre un inventario de emisións de referencia (IER), estratexia de mitigación e de adaptación.

Ademais do apoio técnico, a Oficina Técnica de Pacto dos Alcaldes dispón dun Observatorio de Fondos e Convocatorias, no que se identifican diferentes axudas e instrumentos de financiamento dispoñibles para actuación e proxectos relacionados co Cambio Climático.

E ti, súmaste á iniciativa?

@GaliciaSostible #Compromiso