Presentadas oficialmente as ambicións renovadas do Pacto das Alcaldías en Europa

venres, 30 Abril, 2021 - 00:00

A Oficina Técnica da Xunta para o Pacto das Alcaldías comparte o seguinte comunicado da Covenant of Mayors, despois do anuncio da renovación das ambicións climáticas do Pacto no acto celebrado o 21 de abril de 2021:

"O Pacto das Alcaldías é o maior movemento do mundo en accións locais relacionadas co clima e a enerxía. En Europa, máis de dez mil poboacións uniron as súas forzas para garantir un mellor futuro para os seus cidadáns.

2021 constitúe un fito para o Pacto das Alcaldías en Europa, dado que as cidades asinantes han aumentado a súa ambición climática para alcanzar unha visión común: para 2050, todos viviremos en cidades  descarbonizadas e  resilientes, con acceso a enerxía alcanzable, segura e sostible. O 21 de abril, os alcaldes e alcaldesas, e os líderes locais da dirección política do Pacto mostraron o camiño ao apoiar esta nova visión durante unha cerimonia en liña. Agora convidan a todas as autoridades locais europeas a unirse ao movemento.

Baseándose nunha enquisa realizada ás autoridades locais sobre o obxectivo de neutralidade climática da Unión Europea, estas ambicións renovadas reflicten o compromiso dos líderes locais cunha transición climática e enerxética que sexa xusta, inclusiva e respectuosa cos cidadáns do mundo e os recursos do planeta. Máis aló do obxectivo de alcanzar a neutralidade climática para 2050, os asinantes do Pacto das Alcaldías tamén se comprometen a implantar medidas de adaptación ao cambio climático e para aliviar a pobreza enerxética por medio dunha transición xusta. Por último, comprométense a implicar aos seus cidadáns, empresas e axentes locais na transición, contribuíndo así ao Pacto Europeo polo Clima. O Pacto Europeo polo Clima é unha iniciativa da UE que ten como obxectivo implicar aos cidadáns e ás comunidades na acción polo clima e o medio ambiente.

No acto tamén se celebrou o nomeamento oficial dos embaixadores do Pacto das Alcaldías no Comité Europeo das Rexións, que leva desde 2008 apoiando a iniciativa do Pacto e impulsou a intensificación da cooperación da Comisión Europea co Pacto. O Comité das Rexións nomeou a 27 membros, un por cada Estado membro, para que se convertesen nos representantes nacionais dentro do Pacto das Alcaldías en Europa, de forma que apoien e reforcen a iniciativa nos Estados membros da UE."

+INFORMACIÓN en https://www.pactodelosalcaldes.eu/informaciones-y-eventos/informaciones/...