O Diario Oficial de Galicia hoxe a orde pola que se regulan as bases para a concesión da Bandeira Verde de Galicia, un novo distintivo de boas prácticas co que a Xunta quere recoñecer e premiar a aqueles concellos que destaquen polo seu traballo a prol da protección da paisaxe e do medio ambiente.
Poderán optar ao distintivo, por tanto, todos os municipios da Comunidade que acrediten a realización de actividades que incidan na protección paisaxística e medioambiental da súa contorna. Os interesados en participar nesta primeira edición deberán presentar a súa candidatura por medios electrónicos entre mañá e o próximo 21 de setembro.
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través do Instituto de Estudos do Territorio (IET), encargarase de analizar cada unha das candidaturas presentadas, realizando unha valoración previa das memorias de cada concello que servirá como selección inicial. Unha vez completos os expedientes, remitiranse a un xurado –presidido polo director do IET e que contará entre os seus membros cun representante da Fegamp- que será o órgano encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados na orde que se publica hoxe.
Neste sentido, outorgarase o distintivo tendo en conta as accións incluídas en cada candidatura en relación con estes catro ámbitos: a protección da paisaxe; o cambio climático e a eficiencia enerxética; a xestión responsable dos residuos; e as accións de sensibilización e comunicación. Para iso, terase en conta o desenvolvemento de boas prácticas no coidado da contorna, o respecto pola paisaxe, a redución das emisións de CO2, o fomento dunha correcta xestión do lixo e de medidas para garantir a integridade e limpeza de espazos de interese, como xardíns, praias, espazos etnográficos, etc, así como a posta en valor de monumentos naturais, a educación ambiental ou a redución do consumo enerxético.
En todo caso, e co fin de introducir criterios de equidade á hora de avaliar todas as candidaturas recibidas, ponderarase a valoración de méritos distinguindo entre tres categorías distintas de concellos atendendo aos seguintes aspectos: o seu encadre no sistema de asentamentos de Galicia establecido nas Directrices de Ordenación do Territorio, o grao de urbanización, e a poboación. Deste xeito, os requirimentos mínimos para a obtención da Bandeira Verde serán diferentes para cada categoría, sendo máis restritivos para aqueles concellos de maior complexidade urbana e con maiores recursos.
Ademais, outra das vantaxes do outorgamento deste distintivo é que constituirá un mérito aos efectos da obtención de subvencións en materia de patrimonio natural.
En liña coa Lei de protección da paisaxe
Galicia dispón dunha rica e extensa diversidade paisaxística polo que o obxectivo da Xunta ao promover un distintivo como a Bandeira Verde é fortalecer a imaxe das vilas e pobos, resaltando o labor daqueles concellos que destaquen polas súas boas prácticas ambientais e de protección e conservación da paisaxe, e polo seu compromiso coa cidadanía.
Ademais, a iniciativa enmárcase tamén na Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, que establece que se promoverán accións de formación, sensibilización e educación dirixidas á sociedade galega en xeral e aos xestores e usuarios do territorio en particular, que teñan como finalidade a promoción do entendemento, o respecto e a salvagarda dos elementos que configuran as nosas paisaxes.
Trátase, en resumo, dunha iniciativa que busca distinguir cada ano aos municipios máis dinámicos no eido da protección paisaxística e ambiental cun galardón que sexa facilmente recoñecible pola cidadanía e polos potenciais visitantes da comunidade. A tal fin, os concellos que resulten premiados recibirán o distintivo Bandeira Verde de Galicia nun acto público e poderán utilizar e lucir o logotipo específico da bandeira durante un ano.
Segundo consta na propia orde, o prazo máximo para resolver e notificar os resultados desta primeira edición será de tres meses polo que a previsión é que o procedemento quede resolto antes de que remate o ano, de forma que en 2020 poderá coñecerse xa cantos e cales concellos son os primeiros en recibir a Bandeira Verde de Galicia.
@GaliciaSostible #Compromiso