O Concello de Lousame reduce o seu consumo enerxético mediante o cambio de luminarias

martes, 31 Marzo, 2020 - 00:00

O Concello de Lousame, adherido ao Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía baixo a coordinación da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia, acaba de investir 164.681 euros nun proxecto de mellora da eficiencia enerxética da iluminación pública, que inclúe a renovación de 348 puntos de luz no municipio. Esta actuación supoñerá unha redución do gasto enerxético da administración local de 29.887 euros anuais, así como unha minoración do consumo enerxético de 123.356 quilovatios por hora.

Do mesmo xeito, tamén se procedeu á renovación dos centros de mando actuais, e dotouse á rede dun sistema de encendido mediante reloxo astronómico, o que permite a regulación dos consumos durante a madrugada. A segunda fase deste proxecto de aforro enerxético nas iluminacións públicas lousamiáns foi aprobado o pasado día 28 de outubro polo pleno da Corporación, coa previsión de cambiar outras 1.800 luminarias, aceptando  así a subvención concedida polo Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía ( IDAE) e que ascende ao 80% dos 927.271 euros nos que están orzamentados os traballos.

O Concello de Lousame avanza cara o obxectivo de reducir un 40% as emisións de GEI de cara o 2030, compromiso que aduquiriu o concello coa súa adhesión ao Pacto dos Alcaldes. Estas accións inciden directamente na mitigación do Cambio Climático, e recóllense dentro do sector de instalacións públicas do Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible PACES.

@GaliciaSostible #Compromiso