A Lei 9/2025 supón unha reforma estrutural na xestión interna das Administracións Públicas que modifica os seus criterios de planificación, gasto e organización
A recentemente aprobada Lei 9/2025, de Mobilidade Sostible, introduce unha transformación profunda nas obrigacións das Administracións Públicas, cun impacto directo e esixente para os municipios de entre 20.000 e 50.000 habitantes, que perden a flexibilidade que tiñan baixo a lexislación anterior.
A lei establece unha novo paradigma baseado na racionalización de infraestruturas, a exemplaridade corporativa da Administración e a interoperabilidade dixital, a través do Espazo de Datos Integrado de Mobilidade (EDIM), que obriga a compartir datos de transporte en tempo real.
Baixo as leis anteriores (Lei 7/2021 e Lei 2/2011), a obrigatoriedade de ter Plans de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) e Zonas de Baixas Emisións (ZBE) recaía principalmente en cidades de máis de 50.000 habitantes. Para os municipios de 20.000 a 50.000, só era obrigatorio se superaban os límites legais de contaminantes.
A Lei 9/2025 elimina esta condicionalidade. A mobilidade sostible convértese en obrigatoria por defecto para estes municipios e un requisito para acceder a financiamento estatal.
A norma establece obrigacións concretas para estes concellos:
- Obrigación legal e prazo
O Artigo 24 obriga a licitar e redactar un Plan Simplificado de mobilidade de forma inmediata, cun prazo dun ano para a súa aprobación. O incumprimento sitúa á administración en ilegalidade administrativa a partir de decembro de 2026.
- Condicionalidade da financiación
A Lei crea o Fondo Estatal de Contribución á Mobilidade Sostible (FECMO), destinado a soster o transporte público urbano. Segundo o artigo 58, se o municipio non ten o seu Plan aprobado e rexistrado, queda excluído automaticamente de recibir estes fondos.
- Esixencia técnica legal
Aínda que o plan é “simplificado”, debe xerar datos dinámicos. Os pregos para contratar a súa redacción deben esixir formatos compatibles co EDIM. Un plan que non xere indicadores dixitais interoperables non será considerado válido ante o Ministerio.
- Nova vía de recadación
A Lei faculta aos municipios para establecer taxas por circulación en Zonas de Baixas Emisións (ZBE). Isto permite que, mesmo en municipios onde a ZBE non sexa obrigatoria por calidade do aire, o Plan poida deseñala como unha ferramenta de xestión de tráfico e unha nova fonte de ingresos finalistas para financiar proxectos de mobilidade local.
En conclusión, a Lei 9/2025 marca un punto de inflexión ao esixir por centos de municipios medianos unha planificación estruturada e dixital da súa mobilidade, vinculando o seu cumprimento á legalidade e á capacidade de financiar o seu transporte público, á vez que lles outorga novas ferramentas financeiras.