A Xunta prevé aprobar neste ano o novo Plan Rexional Integrado de Enerxía e Clima para que Galicia poida acadar a neutralidade climática no ano 2040

venres, 4 Outubro, 2024 - 00:00

O pasado 16 de setembro tivo lugar a primeira reunión do Grupo de Traballo da Comisión Interdepartamental para o Impulso e a Coordinación da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050

A Xunta prevé aprobar este ano unha nova planificación integrada de medidas coa finalidade de potenciar a dimensión da adaptación ao cambio climático, á vez que se continua impulsando as accións en favor da mitigación.

O obxectivo principal deste novo Plan rexional integrado é manter a avaliación continua da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050. Así, neste novo período, reforzarase o papel da Comisión Interdepartamental para o impulso e coordinación da EGCCE co fin de afianzar o seu carácter transversal e fomentar a cooperación entre todos os axentes e departamentos da Xunta implicados na mesma. Igualmente, apostarase pola coordinación coas administracións locais a través da Rede Local polo Clima e co tecido económico e social mediante a Alianza Galega polo Clima.

Durante a primeira reunión do Grupo de Traballo presentouse o novo Plan Rexional Integrado 2024-2030, as súas orientacións xerais, os 10 obxectivos, as 34 liñas de actuación e preto dun centenar de medidas transversais que contribuirán a acadar os novos obxectivos de adaptación, mitigación e ASG (Ambientais, Sociais e de Gobernanza), ademais da planificación temporal das tarefas a realizar no Grupo de Traballo.

O novo Plan terá como prioridades afondar na mitigación dos GEI para avanzar na neutralidade, apostar pola adaptación dos sectores primarios máis afectados polo cambio climático, facer máis resiliente o medio natural aos efectos do cambio climático e aumentar a capacidade de Galicia en investigación e innovación en materia de cambio climático.

Non menos importante é a súa aposta por afianzar a transición cara un modelo galego eficiente enerxéticamente e baixo en carbono, así como tamén polo fomento do transporte e a mobilidade sostible e de baixas emisións.

Para que Galicia poida acadar a neutralidade climática no 2040 será fundamental impulsar a gobernanza climática, garantir o compromiso por parte da Administración Pública Galega e incidir na educación e concienciación social.