A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou por 945.000 euros o estudo de detalle de inundabilidade fóra das áreas de risco potencial significativo de inundación (ARPSIS) da Demarcación hidrográfica Galicia-Costa.
O contrato, adxudicado á UTE Aquatec, Proyectos para el sector del agua, S.A.U.- Aquática Ingeniería Civil S.L., conta cun prazo de execución de 18 meses. Comprende os servizos de asistencia técnica que complementen os traballos desenvolvidos polo persoal técnico de Augas de Galicia, vencellados á implantación de medidas do vixente Plan de xestión de risco de inundación da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, de competencia da Xunta, e do novo Plan de xestión do próximo ciclo 2021-2027.
Os traballos obxecto deste contrato permitirán o desenvolvemento e elaboración dos correspondentes estudos de mellora do coñecemento sobre a xestión do risco de inundación: leis de frecuencia de caudais, efecto do cambio climático, modelización dos riscos de inundación e a súa avaliación e cartografía asociada, entre outros.
Esta actuación cofinanciarase polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) nun 80% do gasto elixible no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.
As tarefas específicas do contrato adxudicado hoxe inclúen, dunha banda, a realización de estudos de detalle de inundabilidade fóra de áreas de risco potencial de inundación, pero dentro da súa área de influencia. O obxectivo deste estudo é permitir a zonificación da inundabilidade neses ámbitos e unha correcta ordenación do territorio como unha medida de prevención do risco de inundación.
A ampliación dos estudos de inundabilidade realizarase na contorna das 170 áreas de risco potencial significativo de inundación delimitadas na revisión e actualización da avaliación preliminar do risco de asolagamento da demarcación Galicia-Costa, correspondente ao ciclo 2021-2027, e que suman unha lonxitude total de 548 km de río. Deste xeito, a extensión total dos tramos de río nos que se realizarán estes estudos será de ata 100 km, incrementando ata un 20% os estudos dispoñibles na actualidade.
Doutra banda, o servizo contratado asistirá os técnicos da entidade hidráulica da Xunta na elaboración de Plans específicos de xestión nas áreas de risco de inundación do grupo IV da Demarcación Hidrográfica Galicia Costa, que se corresponden coas zonas onde é maior a intensidade de risco de asolagamento. Este traballo ten como obxectivo desenvolver actuacións e medidas concretas para a minimización do risco de inundación polas distintas administracións con competencia.
Plan de xestión específico da área de risco potencial significativo de inundación
Augas de Galicia redacta e revisa cada seis anos a avaliación preliminar do risco de inundacións da demarcación hidrográfica Galicia-Costa. Segundo a proposta do novo Plan de xestión de risco de inundación para o ciclo 2021-2027 as áreas de risco do grupo IV elévanse a 46, téndose xa redactados plans específicos durante o primeiro ciclo en 9 áreas fluviais, polo que se trata de desenvolver os plans das outras 37 áreas.
Cómpre lembrar que Augas de Galicia está a desenvolver os plans específicos de xestión en 9 zonas fluviais con maior risco de inundacións. Trátase das contornas do río Umia, en Caldas de Reis e Portas; Anllóns, en Carballo; Cambeda, en Vimianzo; Bahíña e o Groba, en Baiona; Lagares, en Vigo; Fontecova e Trasposta, en Viveiro; e o río Ulla-Sar en Valga e Padrón, así como en Dodro, Rianxo, Rois, Catoira e Pontecesures.
Estes plans recollen medidas e actuacións paliativas e preventivas de aplicación polas distintas administracións, Xunta e Concellos, para minimizar o risco de enchentes.
O departamento que preside Ethel Vázquez segue impulsando a colaboración entre as administracións e axentes implicados para estar máis preparados fronte ao risco de inundacións e acadar unha máis rápida e mellor recuperación fronte ás súas posibles consecuencias.