Axencias da ONU presentan os últimos datos científicos sobre os efectos acelerados do cambio climático

venres, 17 Setembro, 2021 - 00:00

O Informe Unidos na Ciencia 2021 está coordinado pola Organización Meteorolóxica Mundial (OMM) e conta con achegas de varias organizacións científicas internacionais.

Na terceira edición deste informe compílase a última información climática achegando unha avaliación unificada do estado do sistema terrestre.

Como resultado da análise dos múltiples indicadores sobre o estado do clima, o informe indica como a pesar da adopción de medidas ambiciosas encamiñadas a reducir emisións de gases de efecto invernadoiro, o nivel do mar seguirá aumentando. Tamén se achegan datos alarmantes sobre o crecemento de emisións de combustibles fósiles en 2021, o aumento das concentracións de gases invernadoiro e os fenómenos meteorolóxicos violentos.

No prólogo do documento sinálase un atraso con respecto á consecución dos obxectivos establecidos no Acordo de París. A menos que se actúe coa maior inmediatez, será imposible limitar o quecemento global a 1,5º C, o que suporá consecuencias catastróficas para as persoas e o planeta.

O informe completo na seguinte ligazón::https://library.wmo.int/doc_num.php?explnum_id=10794